Skip to content

para repartir culpas entre partidos políticos e persoas votantes (e non votantes…)

25/05/2011

As persoas que reclaman unha auténtica sociedade democrática seguen sendo unha minoría, fronte a unha dereita reaccionaria capaz de rendibiliza-los escándalos e corrupcións propias, como unha posible avantaxe para os/as seus/súas votantes e apoios; e fronte a unha esquerda só nominal á que moitos/as dos/as seus/súas votantes naturais non perdoan que adoeza dos mesmos defectos que os/as seus/súas opositores/as.

Os partidos cada vez teñen menor carga ideolóxica e son tan pragmáticos que non dubidan en cambiar de rumbo en canto comprenden que dese xeito obterán maiores apoios. Poderíamos pensar que se trata de organizacións flexibles, que escoitan á sociedade civil para afacerse ás súas demandas. Pero a realidade é que o seu fin é o de alcanzar e mante-lo poder político e económico durante o maior tempo posible, para favorece-los intereses dos/as seus/súas, antes de cede-lo ó seu alternativo partido opositor.

Son as persoas que os dirixen os que marcan o seu rumbo, sen que lle produza ningún rubor ir en contra dos principios establecidos nos seus Estatutos ou declaracións de intencións. E namentres lles vaia ben e consigan votos de abondo… pois mírase para outro lado ou aplícase esa célebre frase de “donde dije digo, digo Diego”. O interese xeral só é pura retórica fronte ó seu interese particular.

Pero non toda a culpa das nosas desgracias llas debemos achacar á clase política e ós seus partidos, porque as persoas que participamos na súa elección, guiámonos, na nosa cortedade de miras, polo noso interese persoal, a costa do ben común: “voto a quen máis me de”, “voto ó que asfaltou o camiño particular que leva á miña casa”, “voto ó que modifica o Plan Xeral de Ordenación para regulariza-la situación da miña casa, construída ilegalmente”, “voto ó/á cacique que vende favores para te-lo de man cando eu tamén necesite componendas”…

Non me importa que o/a gobernante corrupto de rolda, e as súas amizades, enriquézanse á nosa conta. Non me importa que malgaste os nosos impostos unha e outra vez en obras improvisadas, mal feitas, inútiles, inconexas, sen visos de continuidade, ou simplemente sen outras pretensións que as puramente propagandísticas. Non me importa o seu comportamento errático, a dobre vara de medir, e os seus continuos cambios de opinión segundo lle conveña. Non me importa descoñece-lo seu programa antes das eleccións, nin que este se incumprise totalmente ó remate do seu mandato. Non me importa que non teña escrúpulos, adoeza de calidades morais e intelectuais e o seu discurso sexa pura retórica populista. Non me importa que esta Democracia non me de máis opción de participación que votar cada 4 anos e aguantarme, pase o que pase, durante ese tempo.

O movemento do 15M a prol dunha Democracia Real Xa, xerminou espontánea e repentinamente causando un gran estrondo, pero, polo de agora, non tivo o necesario masivo apoio para produci-los tan necesarios cambios no noso sistema político. A súa repercusión nos resultados das recentes eleccións municipais, pódese apreciar que foi mínimo á vista dos votos obtidos polos partidos maioritarios ou que apoian as reformas adoptadas que supuxeron unha merma dos dereitos sociais e laborais da cidadanía.

Isto pode inducir ó desánimo, pero debe servir para poñe-los pés na terra e, á vista de que este movemento é aínda moi minoritario (¿podemos pensar que pode estar apoiado por entre medio millón e un millón de persoas, fronte a máis de 15 millóns de conformistas co actual sistema?), plantexarse as reivindicacións coa perspectiva dun longo camiño, durante o que hai que manterse mobilizado e conseguir ir concienciando a unha maioría da xente da invalidez do noso actual sistema político.

Eleccións municipais
2011 2007
Total votantes 22.971.350 66,23% 63,97%
Abstención 11.710.762 33,77% 36,03%
Votos nulos 389.506 1,70% 1,17%
Votos en branco 584.012 2,54% 1,92%
Votos dos partidos no 2011
Porcentaxe Votos
P.P. 37,53% 8.474.031
P.S.O.E. 27,79%  6.276.087
CiU 3,45%  778.679
I.U. 6,31%  1.424.119
ESQUERRA-AM 1,20%  271.349
BILDU-EA-ALTERNATIBA 1,39%  313.231
OUTROS 19,73% 4.456.491

Fonte dos datos: Ministerio do Interior

TOTAL_ESTATAL_eleccións_municipais_2011

Advertisements

From → Uncategorized

Deixar un comentario

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: