Skip to content

para ir á folga xeral o vindeiro día 29 de marzo de 2012

15/03/2012

Para comprender as principais regresións que supón a reforma laboral: http://folgaxeral.galizacig.com/?p=181

Unha explicación sinxela do que supón:

Explicación sinxela do que supón a reforma laboral

E un par de datos da situación:

En 2011 cada asalariado tivo de media 3 contratos, e o 50% do total foi cunha duración inferior aos 15 días

Galiza destruíu máis de 110.000 postos de traballo nos últimos cinco anos

http://www.folgaxeral.info/

Reprodución da carta que o secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, lles remitiu aos afiliados e afiliadas da central sindical CIG, e que resumen as razóns da convocatória de folga xeral para este 29 de marzo.

A presente carta é para informarche das razóns que nos levan como central sindical a convocar FOLGA XERAL en Galiza o 29 de marzo, coincidindo na data e nos motivos coa convocatoria que para o mesmo día fan os sindicatos vascos, e ao mesmo tempo pedirche o teu apoio e participación, tanto na folga como nos numerosos actos públicos que faremos para divulgar os motivos e a necesidade desta mobilización.

Como CIG xa tiñamos anunciado a convocatoria de folga xeral para a última semana de marzo, quedando pendente de fixar o día concreto das reunións que tiñamos previsto facer cos outros sindicatos que actúan en Galiza, así como cos sindicatos nacionalistas das outras nacións do Estado cos que temos relacións. As razóns que nos levaron a anunciar a convocatoria da folga para a última semana de marzo son as mesmas que nos levan agora a pórlle xa unha data fixa á mesma.

O goberno do PP estaba a insistir en que ía levar adiante unha reforma laboral moi profunda e ao mesmo tempo que ía recortar o déficit público en 40.000 millóns de euros nos orzamentos do Estado para o ano 2012. Con anterioridade xa tiña adoptado medidas cun claro contido antisocial como foi a redución do gasto público, a suba dos IRPF a traballadores/as e clases medias, a conxelación do Salario Mínimo Interprofesional, e outras.

O Goberno español, así como a Xunta de Galiza presidida polo señor Feijóo, seguían pois a liña das políticas neoliberais do goberno anterior, cumprindo fielmente coas directrices que en política económica e social lle marcan institucións como o Banco Central Europeo, o Fondo Monetario Internacional ou a Comisión Europea. Estas políticas só favorecen os intereses da banca, das empresas multinacionais e dos especuladores, ao tempo que xeran máis desemprego, perda de calidade nos servizos públicos, máis desigualdades sociais e incremento dos índices de pobreza.

A reforma laboral que vén de aprobar o Goberno español do PP o pasado día 17 de febreiro confirma estas aseveracións. Ao contrario do que sostén o discurso oficial, esta reforma non ten como finalidade crear emprego, xa que foi pensada para facilitar e abaratar o despedimento, proporcionarlle man de obra barata ás empresas e debilitar á clase traballadora fronte á patronal, ao deixala sen dereitos e sen mecanismos de defensa. Esta reforma vai pois propiciar que as empresas, empezando pola propia banca, procedan a amortizar ou substituír postos de traballo fixos por eventuais, con salarios moito máis baixos, subvencionados con fondos públicos e sen garantías de ningún tipo. En definitiva, máis recursos públicos e da clase traballadora que pasan a incrementar os beneficios do capital, máis concentración de riqueza e poder nuns poucos a costa de recortarnos dereitos e calidade de vida á maioría social.

Diante deste panorama tan duro para a clase traballadora só cabe a protesta e a mobilización social, desde o firme convencemento de defensa da nosa dignidade e dunhas condicións de vida e de traballo dignas para os nosos fillos e fillas; pero tamén desde a seguridade de que existen alternativas a estas políticas e a este modelo económico, alternativas máis xustas, solidarias, democráticas, favorábeis aos interese da maioría social, que si axudarían a crear emprego, a saír da crise e a garantir os dereitos fundamentais ao conxunto da poboación. Pero esas alternativas non van vir da man dos banqueiros, dos especuladores e das forzas políticas ao seu servizo.

Desde a CIG intentamos desde o principio que CCOO e UGT se sumasen tamén á convocatoria de folga xeral do día 29 de marzo. Como ocorreu, no seu momento, coa reforma das pensións, comezaron por dar largas, a ameazar ao Goberno coa convocatoria da folga, ao tempo que seguían ofrecéndose para negociar non se sabe moi ben o que. Corríamos o perigo, como xa pasou con reformas anteriores, que finalmente terminasen asinando calquera cousa que lles servise como escusa aínda que prexudicase á clase traballadora, como vén sendo habitual, ou ben que acabasen por promover unha folga con todo aprobado no Parlamento. Finalmente, as súas bases presionaron as cúpulas sindicais e adheriron á data proposta polo sindicalismo nacionalista galego e basco.

Na CIG cremos que ante unha agresión tan dura á clase traballadora hai que responder tamén con medidas duras como pode ser, nestes momentos, a convocatoria da folga xeral. E hai que facela no mes de marzo porque é cando se van debater no Parlamento español tanto a reforma laboral como os orzamentos do Estado para o ano 2012, que van vir acompañados de novos recortes do investimento e do gasto público e do incremento dos impostos á clase traballadora.

Os dereitos, os servizos e os sistemas públicos de protección social, a calidade de vida que hoxe temos, que debemos mellorar e universalizar, non nos foron regalados polos poderes económicos, foron conquistados con moito esforzo e sacrificio de xeracións de traballadores e traballadoras. Non podemos permitir que banqueiros, especuladores e burgueses, a extrema dereita española capitaneada por Aznar, Rajoy, Feijóo e Cospedal, no los quiten e por riba no lo vendan como se o estivesen a facer polo noso ben e na defensa dos máis desfavorecidos/as. Unha vez máis a dereita mente, manipula e ponse do lado dos intereses de clase que realmente representa e que son os da oligarquía española.

Non deixemos que nos recorten os nosos dereitos, que nos humillen, que nos derroten moral e ideoloxicamente. Existen alternativas, sempre houbo alternativas a este sistema económico, pero hai que conquistalas.

Precisamos dunha resposta social moi ampla, por iso é importante que participes en todos os actos preparatorios convocados pola CIG, e que participes e fagas campaña para a FOLGA XERAL DO 29 DE MARZO.

Unha forte aperta.

Suso Seixo, Secretario Xeral da CIG

Advertisements

From → Uncategorized

Deixar un comentario

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: