Skip to content

para opoñerse á explotación dunha mina a ceo aberto de extracción de ouro en Corcoesto, Cabana de Bergantiños

08/01/2013

minaouroO goberno da Xunta de Galicia está colaborando desenfrenadamente coa multinacional canadiana Edgewater Mining Co, para a explotación dunha mina a ceo aberto de extracción de ouro en Corcoesto, Cabana de Bergantiños.

Coa xustificación da necesidade de crear emprego, pretenden expoliar un entorno natural incomparábel e sacarlle o metal, para especular nos mercados internacionais, reproducindo novamente a espiral que nos levou á situación actual. Seguen apostando polo expolio en lugar de pola economía produtiva e a posta en valor do noso patrimonio natural, social e cultural.

O modelo de extracción é altamente contaminante para o medio ambiente e extremadamente tóxico para as persoas. Vanse usar case 1.5 toneladas de cianuro de sodio diariamente durante todos os anos que dure a explotación.

O Parlamento Europeo pediu a prohibición absoluta do uso do cianuro de sodio na minería a ceo aberto en toda a UE, por representar un serio perigo para o medio ambiente e para as persoas.

Pretenden envelenarnos a nós e ao noso entorno para unha expoliación salvaxe de 13 anos de duración. Logo marchar e deixarnos o morto.

Ademais, a Xunta ten previsto dar licenza a outras 7 explotacións semellantes ao longo de toda a nosa xeografía.

 

PRONUNCIAMENTO DA CIG SOBRE O PROXECTO DE EXPLOTACIÓN
DUNHA MINA DE OURO EN CABANA DE BERGANTIÑOS
A Executiva Confederal da CIG acordou por unanimidade manifestar o absoluto rexeitamento ao plan de explotación dunha mina de ouro en Corcoesto, Cabana de Bergantiños, así como solidarizarse coa Plataforma Veciñal que está encabezando a
loita contra deste atentado.
As razóns fundamentais da nosa oposición son:
1. O método elexido para a obtención do ouro é o coñecido como hidrometalurxia, por empregarse solucións de auga para a súa extracción. Ao proceso de disolución dos metais denomínaselle lixiviación. Na minaría do ouro, neste proceso de lixiviación utilízase o cianuro de sodio disolto en auga, onde, en condicións de oxidación, disolve o ouro contido no mineral. O cianuro usado a nivel industrial é un dos velenos máis potentes que pode causar danos irreparabeis ás persoas e ao medio ambiente.
2. O cianuro de sodio pode afectar ao aparato respiratorio e aos sistemas cardiovascular, gastrointestinal, neurolóxico, ocular e dérmico. A súa inahalación en concentracións de 401 a 601 mg/m3 resulta mortal para o ser humano.
3. A lista de catástrofes ambientais producidas por accidentes, fugas, verquidos e derrames de refugallos tóxicos que conteñen cianuro, é ampla e salpica a toda a xeografía planetaria. Estas catástrofes significaron moitas veces danos de extrema gravidade sobre ríos e acuíferos, terras de cultivo e biodiversidade.

4. O Parlamento Europeo, en Resolución de 5 de maio de 2010, sobre prohibición xeral do uso de tecnoloxías mineiras a base de cianuro na Unión Europea, instou á Comisión á “prohibición completa do uso das tecnoloxías mineiras a base de cianuro na UE antes de finais de 2011, xa que é a única forma segura de protexer os nosos recursos hídricos e
ecosistemas da contaminación por cianuro procedente das actividades mineiras”.
5. Na mesma Resolución, o Parlamento Europeo pídelles aos Estados membros da Unión que “non presten apoio, de forma directa ou indirecta, a ningún proxecto mineiro na UE no que se empreguen tecnoloxías mineiras a base de cianuro, até que sexa aplicábel a prohibición xeral, nin respalden proxectos desas características en terceiros países…”
6. A Xunta de Galicia está amparando o proxecto mineiro en Corcoesto e mesmo ten a intención de aprobar novas explotacións mineiras a ceo aberto de extracción de ouro en Galicia.
7. O impacto que supón o proxecto mineiro de Cabana pode verse con claridade nalgunhas destas cifras, sacadas do propio proxecto presentado pola empresa que aspira á explotación:
◦ 7.736.000 m2 é a superficie das concesións do proxecto.
◦ 95 m de profundidade a respeito do nível do mar; 300 m nalgúns puntos en relación coa altura actual do terreo.
◦ 335.961 m2 ocuparía a entulleira norte e 1.879.735 m2 a entulleira sur.
◦ 650.000 m2 vai ocupar a balsa de resíduos tóxicos.
◦ 64.024 toneladas métricas de material removeríanse a diario os 365 días do ano, o que daría un total de máis de 23 millóns de
toneladas/ano.
◦ 79 toneladas de material é a cantidade que se necesita procesar para producir unha onza de ouro, que equivale a aproximadamente 31 gr.
◦ 2.800.000.000 de litros de auga é o consumo total estimado do proxecto, a un ritmo de 1.111.000 litros diarios.
◦ 1,49 toneladas de cianuro sódico serán usadas diariamente.
◦ 2.100.000 toneladas de resíduos anuais, das que 1.000.000 son resíduos de lixiviación altamente contaminante [teñamos en conta queno PRESTIGE derramáronse 63.000 toneladas].

◦ 0,077 mg de arsénico por litro terían as verteduras procedentes das drenaxes das entulleiras (0,05 mg/l é o límite permitido).
◦ 0,036 mg de níquel por litro calcúlase que terán as verteduras (0,02 mg é o límite permitido).
◦ 2.740 metros do Río Lourido serán desviados.
◦ 200 metros é a distancia prevista desde a balsa ás vivendas máis próximas.
8. A empresa non ten constituído, nin a Xunta de Galicia llo esisxiu, garantía financieira algunha, para facer fronte a hipotéticos danos por accidentes ou catástrofes medioambientais.
9. Río Narcea Gold Mines S.A. (integrada en Edgewater Mining Co.) compromete a creación de 271 postos de traballo (dos que 133 serían mediante subcontratas) mais non aclara a duración dos contratos nin de cada
posto creado. Núñez Feijoo, experto multiplicador de traballos virtuais, fala xa de 1,400 postos de traballo.
10. A explotación mineira ten un máximo previsto de 13 anos de duración (dos cais 3 deles serían de preparación de terreos e outros 2 de peche da obra e recuperación). Pan de hoxe e fame de mañá.
11. A previsión de recuperación dos terreos é semellante á empregada na fosa mineira de As Pontes, sistema fortemente criticado mesmo polo Instituto Xeolóxico de Galilcia, por representar un grave risco para a poboación no caso de movementos sísmicos.
12. A ansia repentina do aproveitamento do ouro que queda no noso país ven dado pola fortísima especulación ao que está sometido este metal, como medio de aprovisionamento de reservas e como importante activo
cotizábel en bolsa. Representa apostar, nin máis nin menos, que polo sistema e filosofía neoliberal que nos arrastrou á  situación de extrema crise que estamos a padecer. Edgewater Minig Co pode facer a aposta especulativa que considere, pero a Xunta de Galicia non pode ser cómplice de permitir a evasión de grandes capitais, a destrución do noso entorno natural, e a
merma de saúde das persoas, só para beneficio dos mesmos que provocaron que moitas familias xa non teñan nin para comer cada día.

Por se todo isto fose pouco, temos coñecemento de que a Xunta ten en previsión o lanzamento de ata 7 novas explotacións mineiras de extracción de ouro, repartidas por toda a nosa xeografía, o que porá en serio perigo a saúde de centos de miles de
persoas e ataca directamente ao noso patrimonio natural. A Xunta de Galicia e o Presidente Núñez Feijoo son responsabeis coa súa conduta de permitir, e mesmo promover, o uso de materiais altamente contaminantes e especialmente tóxico para as persoas, xusto nun momento no que o Paralamento Europeo pide a súa prohibición. Son pois os responsábeis directos dos posíbeis danos á saúde das persoas e da destrución do noso entorno.
A inminente prohibición do uso deste veleno (cianuro de sodio) en toda a UE, vai chegar, se non o remediamos, cando sexa demasiado tarde para o noso país.
A Confederación Intersindical Galega defenderá con todas as súas forzas a esixencia de paralización dos proxectos de explotación de minas a ceo aberto para a extracción de ouro en Galicia, e apoiará as mobilizacións que promovan as
plataformas veciñais, comezando pola de Cabana de Bergantiños, póndonos á súa disposición para colaborar nesta importante tarea e responsabilidade.
Ourense, 21 de decembro de 2012
Asinado: Anxo Pérez Carballo
Secretario Confederal de Medio Ambiente da CIG

Máis info:

http://www.quepasanacosta.com/?p=15140

http://www.galizacig.com/avantar/novas/21-12-2012/a-cig-exixe-a-paralizacion-do-proxecto-de-explotacion-dunha-mina-de-ouro-en-cabana-

http://ourodecorcoesto.blogspot.com.es/

 

Advertisements

From → Uncategorized

Deixar un comentario

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: