Skip to content

para opoñerse á nova lei do ensino do ministro Wert

23/10/2013

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca folga contra a LOMCE para o 24 de outubro en todo  sistema educativa galego. A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público fai un chamamento a secundar a folga e  participar de xeito masivo nas mobilizacións que se van realizar ese día ás 11:30 horas da mañá nas sete cidades, na Mariña, Cee, Carballo, Lalín e Vilagarcía.

Ademais da Marcha a Santiago contra a LOMCE -prevista do sábado 28 de outubro- a Plataforma Galega fixo público un novo calendario de mobilizacións que inclúe promover unha manifesto da cultura galega contra a LOMCE e reeditar o formato de actos comarcais  con música e letras contra a LOMCE en todo o país o 13 de novembro.

http://plataformagalegadefensaensinopublico.blogspot.com.es/2013/09/a-plataforma-galega-en-defensa-do.html#more

  • Manifesto “A Cultura Galega contra a LOMCE” da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.

http://plataformagalegadefensaensinopublico.blogspot.com.es/2013/10/a-cultura-galega-contra-lomce.html

A Cultura Galega contra a LOMCE

O sistema educativo que impón a LOMCE é un sistema afastado do noso país, da nosa cultura, da nosa historia e da nosa lingua, é dicir, de todo aquilo que nos conforma como pobo. Un sistema que pretende formar persoas desarraigadas que non se recoñezan no contexto que as rodea, converténdoas en analfabetas na cultura e mesmo na lingua que este país creou ao longo dos séculos.
Un sistema educativo público debe estar ao servizo das necesidades do país ao que pertence, vehiculizado na lingua propia para formar na súa cultura e para a súa cultura. A LOMCE pretende alienar e uniformar o alumnado galego cun traxe españolizador que lle impida recoñecerse como galego e coñecer a obra dos seu propio pobo e das e dos que singularmente destacan nel como creadores excepcionais.
Rexeitamos un sistema educativo que educa as persoas para ser emigrantes e que desvaloriza o propio como inservíbel e desapropiado. Non é posíbel respectar a diversidade, avanzar e mesmo construír outro mundo se non se fai desde o coñecemento e a estima do propio.
O sistema educativo debe ter como obxectivo prioritario o de dotar as xeracións futuras das ferramentas necesarias para se educaren na capacidade de análise crítica, no razoamento científico e desprexuizado, no laicismo, na solidariedade, na igualdade, na xustiza social, na equidade, no exercicio da democracia e da liberdade de expresión para así contribuír á transformación social, necesaria para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria.
Por iso, as e os que a seguir asinamos, persoas ligadas á cultura galega reclamamos a retirada da LOMCE.

  • Manifesto “Contra a LOMCE” da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.

http://plataformagalegadefensaensinopublico.blogspot.com.es/p/manifesto-contra-lomce_4.html

Manifesto contra a LOMCE

A Plataforma Galega do Ensino Público continúa mobilizándose contra a  LOMCE  para amosar o seu  total rexeitamento a unha lei reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática,  e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores sociais máis desfavorecidos  da sociedade. 
A LOMCE pretende trasladar ao ensino público un modelo neoliberal que afonda nas diferenzas sociais, no canto de contribuír a que todas e todos teñamos acceso en igualdade de condicións a unha educación pública de calidade.
A LOMCE é recentralizadora e españolizadora, facilítalle ao alumnado, se é necesario, a matriculación nun centro privado, pagado por todos e todas nós, para evitar a súa escolarización no noso idioma.
A LOMCE procura o máximo control dos contidos a través do Goberno central, uniformiza mediante as reválidas e marxina aínda máis a nosa lingua. Impón  un modelo lingüístico que elimina o ensino en galego e invade as cativas competencias que temos, coa intención de afastar totalmente o ensino da nosa realidade social, histórica, cultural e lingüística.
Medidas como estas non só van repercutir negativamente no ensino público, senón que van fortalecer o ensino privado concertado que se verá favorecido coa creación de centros de excelencia, mediante a selección do alumnado. Blíndanse os concertos económicos cos centros privados, mesmo con aqueles que segregan o alumnado por razón de sexo, malia existir sentenzas que ditaminan a súa ilegalidade.
A LOMCE reforza a confesionalidade e impide o ensino laico. O anteproxecto mantén o ensino da relixión no currículo escolar, contemplando unha materia alternativa en Primaria e na ESO, que computarán no expediente académico, converténdose así nun efecto chamada para que o alumnado se matricule en Relixión.  No Bacharelato, a materia de Relixión ten a consideración de materia específica, isto é, está situada entre as que o alumnado cursará un máximo de 3 e un mínimo de 2.
É unha lei profundamente antidemocrática, que traslada o sistema de xestión empresarial ao ensino. Elimina o Consello Escolar como órgano de goberno e baléirao de todas as competencias. A dirección será elixida pola administración e terá plenos poderes para tomar unilateralmente decisións de transcendental importancia para os centros e para propor ou rexeitar o profesorado  que sexa proposto pola administración.
Liquida a igualdade de oportunidades ao impor un sistema de continuas barreiras selectivas para que só unha minoría acceda aos estudos postobrigatorios e universitarios. É unha lei elitista, clasista e segregadora, xa que estabelece reválidas para poder acceder á titulación correspondente en 4 de ESO e en Bacharelato. Impón un sistema máis selectivo  mediante itinerarios que  condena, prematuramente, o alumnado a optar a titulacións diferentes no ensino obrigatorio, condicionando  de maneira temperá  o seu futuro académico e laboral.
A LOMCE pretende crear, mediante os programas de calidade e especialización curricular, diferentes categorías de centros e atender, con máis recursos e medios, aqueles que mellor resultados acaden, previa selección do alumnado, no lugar de procurar que todos os centros conten cos recursos necesarios para que todos e todas, con independencia da súa procedencia social ou xeográfica, reciban unha formación de calidade.
Esta lei desautoriza, desconfía e xerarquiza o profesorado. É profundamente antipedagóxico, xa que a consecución da titulación do alumnado vai depender do resultado azaroso dunha única proba ao rematar o ensino obrigatorio e postobrigatorio. A isto hai que lle engadir a desvalorización da Formación Profesional e o desvío do alumnado cara a unha FP Básica, que nin sequera conduce á mínima titulación, baixo a escusa de favorecer a empregabilidade.
A LOMCE reflicte as posicións ideolóxicas máis extremas e reaccionarias do PP. Un anteproxecto de lei ao servizo da patronal do ensino privado concertado e da mercantilización da educación que confirma os actuais concertos educativos, legaliza os centros que segregan alumnado por razón de sexo.
A LOMCE facilita a planificación escolar en función do ensino concertado, reproduce un sistema xerárquico e empresarial  para o funcionamento dos centros, impide o acceso das clases populares á educación e impón unha educación baseada na competitividade, na exclusión social e na desigualdade, e non nun ensino equitativo, inclusivo e intregral, cuxo obxectivo principal debe ser a formación de persoas críticas e responsábeis.
Por todos estes motivos, porque significa un retroceso de décadas e porque elimina a igualdade de oportunidades, volvendo a unha sociedade na que o valor das persoas está en función do que posúen e na que o futuro depende de onde e en que familia se nace, o ensino galego e a Plataforma Galega para a Defensa do Ensino Público esixe a retirada da LOMCE e un ensino público galego, laico e democrático.
Advertisements

From → Uncategorized

Deixar un comentario

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: